jueves, 27 de septiembre de 2012

Antonio Casares, 200 anos do seu nacemento.


Antonio Casares é un dos creadores da análise química en España e o pai da espectroscopía española. É unha figura tamén clave na introdución da anestesia e un experto en nutrición e en toxicoloxía. É un referente na análise de augas que desenvolveu durante corenta anos, contribuindo de xeito deicisivo a que a que os balnearios galegos tivesen un notable pulo ao longo do S.XIX. Fixo notables achegas no estudo das vides, no campo da mineroloxía, e mesmo é o iniciador dos estudos meteorolóxicos en Galicia. Establece a Química como verdadeira disciplina cientifica na universidade compostelá, sendo a dimensión investigadora e experimental unha das sús fundamentais contribucións.
A súa calidade como mestre foi extraordinaria como acreditan os seus alumnos, e doutra parte é autor dun dos libros máis senlleiros do S.XIX para o ensino da Química: o “Manual de Química General con aplicación a la industria y con especialidad a la agricultura”, con catro edicións ao longo de 23 anos. Ademais, traduciu textos moi importantes en Química do primeiro tercio do século XIX como o Tratado de Farmacia, Teórico y Práctico de E. Soubeiran en 1847, e o Tratado de Química Legal de Gautier de Claubry en 1852.


Está relacionado cos mellores tempos do traballo experimental na facultade de Medicina daquela época, é o primeiro decano na Facultade de Farmacia, e durante o seu mando como reitor da universidade de Santiago créase a Escola de Veterinaria, aínda que non logrou consolidarse. É o responsable da xeración da primeira luz eléctrica en Galicia e das primeiras en España, e ata participa en iniciativas de carácter forense, formando parte do equipo que estudou os restos atribuidos ao apóstolo Santiago, despois de moito tempo de estaren semidesaparecidos.
Se houbese que sinalar unha especial cualidade de Casares, destacaríamos a súa intuición. Ela está detrás da inmediata importancia que lle deu ás novas sobre o uso do éter e o cloroformo como anestésico na práctica médica; adiantouse en moitos anos a outros químicos ao recoñecer a importancia da hipótese de Avogadro, e decatuse axiña da poderosa ferramenta para a análise química que ía ser a espectroscopía.
Foi decisiva a súa contribución para a creación do Gabinete de Historia Natural, xérmolo do actual Museo de Historia Natural “Luis Iglesias” da Universidade de Santiago, e tamén para a dotación de gabinetes de Física e Química tanto para a universidade como para o ensino secundario.
Desenvolveu xa que logo súa intensa vida científica e académica en Galicia e con gran compromiso pola súa terra. En efecto, a aplicación práctica da ciencia foi unha das súas obsesións, dirixindo o seu traballo cara as implicacións á industria, a agricultura e a medicina. Trátase pois, dunha clara orientación cara ó ben común da súa terra que reflectirá en moitos dos seus traballos ao longo da súa dilatada actividade docente e investigadora.