miércoles, 3 de octubre de 2012

O PLANETA FRACTÚRASE
 

O 11 de abril deste ano rexistráronse dous grandes terremotos de magnitude 8.7 e 8.2 no océano Índico, ao sueste de Sumatra. Tremeu a terra dende Australia ata India e o sueste asiático e morreron dúas persoas e outras oito faleceron por ataques cardíacos. Foron moi poucas vítimas e danos en comparación coa tremenda catástrofe do terremoto de 2004 na rexión, cando o tsunami desencadeado se cobrou miles de vidas. Pero non pasou desapercibido para os científicos: foi un grande acontecemento na historia da Terra, algo excepcional, porque eses sismos se deberon a un proceso de fractura dunha das grandes placas tectónicas (a Indoaustraliana) que forman a codia terrestre.

En realidade, o terremoto de 8.7 respondeu a catro fracturas no interior da placa, tres delas paralelas entre si e unha cuarta perpendicular a elas, formando no seu conxunto unha falla en chanzo. O proceso durou dous minutos e 40 segundos e foi seguido dúas horas despois por outro terremoto de magnitude 8.2. A zona de rotura situouse a uns centenares de quilómetros da costa occidental de Sumatra e en pleno mar. Rompeu o fondo do océano. Os terremotos deron lugar ao que os expertos denominan esgazaduras de placa.


Ramón Cid.

martes, 2 de octubre de 2012

O CERN COURIER, revista especializada que publica o Laboratorio Europeo de Física de Partículas (CERN), salienta no seu último número os resultados obtidos por investigadores da Facultade de Física da USC dentro da colaboración LHCb, na que tamén participa o Grupo de Altas Enerxías de Santiago, na busca de nova física en desintegracións dunha partícula, o mesón K 0 S.   Os físicos de LHCb, coordinados por Xabier Cid e Diego Martínez Santos que actualmente se atopa no CERN, buscaban desviacións na predicción da teoría que puidesen indicar a presenza de novos fenómenos na física das interaccións fundamentais.